As actuacións no Camiño de Fisterra estanse levando a cabo, concretamente, nas vías autonómicas ao seu paso polos concellos de Muxía, Dumbría, Mazaricos, Negreira, Ames, Fisterra, Cee e Corcubión.
En Negreira actuarase sobre a estrada autonómica AC-447 para reforzar a seguridade dos peregrinos, habilitando unha senda de 190 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho de chan seleccionado estabilizado con cemento. Tamén está prevista a instalación dunha tubaxe de 600 mm baixo o firme. As intervencións suporán un investimento de arredor de 42.500 euros.
No concello de Ames, onde xa comezaron tamén as obras, os traballos consistirán na sinalización de dous cruzamentos da estrada AC-453, incluíndo a colocación dun espello para facilitar a visibilidade. Tamén se levará a cabo a limpeza das beirarrúas e a reposición das baldosas danadas, destinado a estas actuacións un investimento de 20.500 euros.
De xeito xeral, os traballos consistirán na instalación, reforzo e retranqueo de sinalización; na construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas; na pintura, retranqueo de liñas, cambios de pavimento, novos encamiñamentos, cambios de marxe, e en calquera actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade da rede autonómica de estradas galegas no entorno dos Camiños de Santiago.