Comezan as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras

Foto.- Xunta de Galicia.

Este martes darán comezo as obras de sinalización das Rutas do Viño da Ribeira Sacra, de Monterrei e de Valdeorras, ás que se destina un orzamento autonómico de 322.000 euros coa instalación de novos indicadores actualizados que recollan os establecementos e concellos que forman parte deste produto turístico vinculado a estas denominacións de orixe vitivinícolas.

Os traballos inclúen a unificación dos tipos de paneis direccionais urbanos e carteis direccionais frecha coa adopción dun único modelo, eliminando os que non se adapten a normativa. Ademais, simplificarase a sinalización en interseccións cun único panel de elemento de alto interese no canto de varios concentrados e reforzaranse tanto as indicacións de lugares emblemáticos nos que se pretende dar a coñecer as Rutas do Viño como nos cruces ou puntos que induzan a erro.

A sinalización abarcará os concellos ourensáns de A Teixeira, Castro Caldelas, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín e A Pobra de Trives, xunto cos municipios lugueses de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, dentro da Ruta do Viño da Ribeira Sacra; os municipios do Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Petín na Ruta do Viño de Valdeorras; e os concellos de Monterrei, Verín e Oímbra na Ruta do Viño de Monterrei.

As rutas inclúen recursos de interese enolóxico, cultural e paisaxístico entre os que se poden atopar, ademais das adegas, outros establecementos que prestan servizos de restauración e hospedaxe, museos, artesanía ou instalacións de lecer.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha