Comezan as obras do complexo deportivo de San Paio de Refoxos, en Cee

2 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, supervisaron este luns o inicio das obras de reforma integral do complexo deportivo de San Paio de Refoxos, nas que Deputación e Concello invisten 496.707,84 euros, dos cales a institución provincial achega o 80% (397.366,27 €) e o Concello o 20% restante con fondos propios.

A actuación permitirá modernizar por completo o recinto deportivo, con especial atención á construción dun novo campo de fútbol 7 de herba artificial, así como á mellora da accesibilidade, o saneamento e o aparcamento das instalacións.

O presidente provincial destacou que o proxecto «é un exemplo do compromiso da Deputación coa mellora das infraestruturas municipais e coa práctica deportiva en igualdade de condicións en todos os concellos da provincia». Formoso subliñou ademais que «actuacións como esta permiten que os clubes e a mocidade de Cee conten con instalacións seguras, modernas e adaptadas ás necesidades actuais».

Pola súa parte, a alcaldesa Margarita Lamela sinalou que se trata «dunha intervención moi esperada pola veciñanza e polos equipos locais, que levaban tempo demandando unhas instalacións máis axeitadas para o adestramento e competición». Lamela agradeceu o apoio da Deputación «por facer posible un proxecto que mellorará non só o deporte, senón tamén a accesibilidade e a seguridade da zona».

Un proxecto integral de mellora
As obras contemplan a construción dun novo campo de fútbol 7 de herba artificial de última xeración anexo ao actual, rodeado por unha beirarrúa de formigón e dotado dun sistema de rego por canóns. Tamén se executará unha infraestrutura soterrada de canalización de pluviais con tubos de formigón armado conectados ao sistema existente, así como unha zanxa drenante con pendente mínima do 0,5% e tubos ranurados de PVC, envoltos en xeotéxtil, que garantirán unha correcta evacuación das augas.

O proxecto inclúe ademais a creación dunha senda peonil que permitirá un acceso máis seguro ao recinto, a mellora da estrada de acceso e a ampliación da zona exterior de aparcamento. Tamén se construirá unha nova rede de augas residuais que recollerá as verteduras procedentes dos vestiarios e lavandería, conectándoas á rede de saneamento municipal.