O Concello da Coruña comezou este luns os traballos para mellorar a accesibilidade na rúa Picavia, unha intervención promovida a través do servizo municipal de Infraestruturas co obxectivo de remodelar os accesos peonís e do tráfico rodado no treito que conecta coa rúa Compostela. Neste sentido, as obras en Picavia centraranse, principalmente, no sector norte da rúa, na superficie que vai en paralelo ao túnel de acceso ao aparcadoiro da praza de Lugo. A calzada e a beirarrúa pasarán a estar dispostas en forma de plataforma única, polo que se renovará o pavimento, que se homoxeneizará esteticamente coa rúa Compostela coa disposición de lousas de granito. Aproveitando a intervención, acometeranse tamén melloras na rede de saneamento deste enclave. As novas tubaxes destinadas á recollida de augas fecais e pluviais, de PVC e cun diámetro de 315 mm, substituirán aos colectores antigos, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior.
0