Comezan as obras na AC-453, na contorna de Santiago, que suporán afeccións ao tráfico


As obras de mellora do firme da estrada AC-453, que une Roxos con Portomouro, comezan este luns na contorna de Santiago, suporán afeccións ao tráfico, sendo necesario o corte diúrno e o desvío do tráfico ata o vindeiro 7 de outubro.

As actuacións consistirán no acondicionamento da capa de rodadura nos treitos máis deteriorados da estrada AC-453 ao seu paso polos concellos de Santiago, de Ames e do Val do Dubra.

Durante a execución das obras o tránsito diúrno neste tramo da vía autonómica, do punto quilométrico 0 ao 3+40, quedará restrinxindo a residentes e vehículos escolares, que poderán acceder mediante circulación alternativa regulada con semáforos. Para o resto de usuarios deste tramo, incluíndo os vehículos pesados de máis de 3,5 toneladas, habilítanse os correspondentes desvíos polas pola vía autonómica AC-554 e a vía provincial DP-0203.

A duración deste corte será durante a xornada de traballo, restituíndose cada día á circulación normal unha vez finalizada a xornada laboral. O tempo concreto que durarán estas afeccións ao tráfico dependerá das condicións meteorolóxicas e do avance dos traballos, aínda que se prevé que poidan finalizar o 7 de outubro.