Comezan as obras para construír un parque biosaudable na praza Casares Quiroga


O Concello da Coruña iniciou as obras para construír unha área biosaudable na praza Casares Quiroga. Os traballos contan cun orzamento de 13.082 euros e un prazo de execución de dous meses. Esta actuación responde ao compromiso do Goberno de Inés Rey de mellorar todos os barrios da cidade e de que dispoñan dos equipamentos necesarios para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

A praza Casares Quiroga é o principal espazo público da 2º fase do polígono de Elviña e conta cun parque infantil ao cal asiste moita cativada con avós e avoas, o que converte esta praza nunha localización perfecta para un parque de elementos biosaudables. Dispoñeranse elementos que favorezan unha actividade física moderada e respectaranse as áreas de seguridade de cada aparello. Os traballos inclúen a limpeza e eliminación de vexetación e verdín da superficie. Ademais, colocarase un novo lastro e instalarase un manto de céspede artificial sobre unha base de caucho e tamén céspede natural como acabado final.