Comezan as obras para habilitar un aparcadoiro provisional en Casabranca

O concello da Coruña arrinca as obras para habilitar un aparcadoiro provisional no Lugar de Casabranca, nos Castros, que permitirá a creación de 80 novos estacionamentos no barrio.

A alcaldesa, Inés Rey, que visitou en xuño a asociación de veciños Oza Gaiteira Os Castros, para escoitar as súas demandas, sinala que os barrios «non son meras extremidades da cidade, senón que todas as zonas da Coruña deben contar cuns servizos acordes ás súas necesidades», como este aparcadoiro, que «prestará un servizo demandado pola veciñanza dos Castros».

A asociación de veciños da zona solicitoulle á Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade un aparcadoiro provisional, que o concello decidiu habilitar nunhas parcelas de titularidade municipal no Lugar de Casabranca. Os traballos de acondicionamento deste aparcadoiro veñen precedidos polos traballos de asfaltado na beiravía da rúa pola que se accede a el.

Esta semana comezaron os traballos de retirada da terra vexetal e da materia orgánica. Tamén se está facendo practicable a entrada para os camións. Desde a Área de Infraestruturas prevén que o aparcadoiro estea finalizado e listo para se utilizar a comezos de setembro.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha