- O alumnado seleccionado polos seus propios compañeiros e compañeiras participou en xornadas de capacitación impartidas pola experta Jeni Herbón na Biblioteca Municipal.
O IES Eduardo Pondal de Ponteceso deu un paso firme no seu compromiso co benestar escolar co arranque das xornadas de formación para o seu novo equipo de alumnado axudante. Esta iniciativa, deseñada e coordinada polo Equipo de Convivencia e Benestar do centro educativo, busca dar protagonismo directo aos mozos e mozas no acompañamento das súas compañeiras e compañeiros, así como na prevención e resolución de pequenos conflitos ou malentendidos dentro das aulas.
O proceso para a constitución destes equipos destaca polo seu carácter democrático, xa que os integrantes foron elixidos mediante unha votación na que os propios alumnos e alumnas do centro escolleron aos que consideraban máis axeitados para exercer este rol de apoio. Tras a súa elección, todos os seleccionados aceptaron voluntariamente o compromiso de formar parte deste proxecto.
A capacitación específica, esencial para o desenvolvemento das súas funcións, levouse a cabo durante as mañás do martes 3 e do mércores 4 de novembro, en horario lectivo, fóra do recinto escolar. O espazo elixido para o desenvolvemento destas sesións foi a Biblioteca Municipal de Ponteceso. A formación foi impartida por Jeni Herbón, psicóloga xurídico-forense, mediadora, creadora de ConVive+ e recoñecida experta en convivencia positiva e mediación, quen achegou os seus coñecementos teóricos e prácticos ao estudantado. Durante estas xornadas, os menores asumiron tamén un compromiso de confidencialidade estrito para garantir a máxima discreción e o respecto á privacidade en todas as súas intervencións.
Desde o equipo de convivencia queren agradecer a todos os axentes implicados e que fixeron viable a posta en marcha desta iniciativa, ao alumnado, familias e profesorado así como a colaboración expresa da área de Educación e Servizos Sociais do Concello de Ponteceso polo seu respaldo e pola cesión do espazo municipal.
Con este proxecto, quérese consolidar un modelo educativo baseado no diálogo, a empatía e a solidariedade, poñendo as ferramentas de mediación en mans das propias mozas e mozos para construír unha contorna máis segura e respectuosa.
