Estes traballos levaranse a cabo nas estradas da provincia da Coruña, AC-413 en Ordes, e na AC-543 e AC-301 ao seu paso polo municipio de Rois.
Tamén se iniciarán novos traballos nas estradas da provincia de Lugo, neste caso na LU-120 en Vilalba, e continuarán as tarefas na estrada LU-172, en Muras, e na vía de altas prestacións CG.2.1, en Monforte de Lemos.
Na provincia de Pontevedra levaranse a cabo labores de roza e limpeza na variante de Vilagarcía VG.4.7, Carril-Baión, e na estrada PO-531, Pontevedra-Baión. Ademais continuarán as tarefas iniciadas a pasada semana na Variante de Marín, entre Lourizán e Ardán.
Na provincia de Ourense proseguirán os traballos iniciados nas últimas dúas semanas na estrada OU-801, entre Ribadavia e Ponte Barxas, e na OU-138 en Xunqueira de Espadanedo.
Os traballos realizados no marco deste contrato, renovado coa empresa pública Seaga para os vindeiros 12 meses, completan os que se veñen realizando ao longo do ano polo servizos ordinarios de conservación de estradas galegas. Así, impúlsase a roza de vexetación de dominio público das estradas autonómicas e o apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade autonómica.