Comezan os novos traballos de limpeza nas marxes das estradas autonómicas


Estas accións de conservación nas vías de titularidade autonómica levan permitido, nos últimos catro meses, a roza mecánica de 320 quilómetros lineais, actuar nunha superficie de máis de 112.500 m2 de xeito manual; ademais de propiciar a retirada de 1.500 árbores en dominio público de estradas, susceptibles de provocar lumes ou que supoñían un risco de caída na calzada.

Esta semana comezan na provincia da Coruña os traballos na estrada AC-552, en Vimianzo; e na provincia de Lugo nas estradas LU-111 en Rábade, e na LU-160 ao seu paso por Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro. Tamén comezarán novos labores na OU-138, en Xunqueira de Espadanedo, na provincia de Ourense.

Ao tempo que se inician estas novas actuacións, seguirán os traballos que se están a desenvolver nas últimas semanas na vía de altas prestacións VG-1.4, que comunica Cee e Sardiñeiro, no concello de Fisterra.

Ademais proseguirán as tarefas na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na LU-934, en Friol.

Tamén continuarán na provincia de Ourense os labores de roza na OU-171, no Carballiño, na OU-404, en Celanova, e na OU-536, en Ourense; e na de Pontevedra, na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.