Os comercios adheridos á campaña ‘MerCamariñas’ comezaron a súa formación na venda online

1 minutes read
  • Os responsables da empresa local WP Nordés, encargada de xestionar o proxecto, están visitando os establecementos para ofrecer unha formación personalizada sobre a plataforma

Esta semana, as tendas e empresas adheridas á campaña municipal ‘MerCamariñas’ iniciaron as súas titorías presenciais da man dos responsables da empresa local WP Nordés, encargada da xestión do proxecto e da plataforma de venda online. Unha das primeiras en recibir esta clase foi María Jesús, da tenda de moda e complementos «O Rincón de Chus», que tivo a ocasión de aprender a subir os seus produtos ao novo espazo virtual do comercio camariñán.

Nos próximos días celebrarase unha reunión entre a concelleira de Comercio, Lara Pasantes, os responsables da plataforma, e unha importante empresa de transportes que ofrecerá aos establecementos participantes un convenio de colaboración para realizar os envíos.

Lara Pasantes explicou que “neste mes de abril temos previsto que se faga pública a web para que os comercios poidan comezar a realizar as súas vendas na rede” e lembrou que “todos os que non puideron adherirse a MerCamariñas poden facelo agora xa que está aberta a terceira rolda”.