Comezan os traballos de conservación e limpeza en varios ríos de Tordoia

1 minutes read

Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Pontepedra e do rego da Xunqueira, no concello de Tordoia.

As tarefas que Augas de Galicia está a levar a cabo estanse a desenvolver nos tramos interurbanos destes ríos, que coinciden co seu percorrido por distintos lugares da parroquia de Cabaleiros.

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como a retirada de madeira morta e atoamentos existentes. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.