Comezan os traballos de construción da estrada que une Lago e Leis, en Muxía

Nos últimos días deron comezo os traballos para executar a construción da estrada que une Lago e Leis, unha demanda histórica da veciñanza e na que o Concello de Muxía investirá preto de 130.000 euros.

Esta intervención constitúe unha das catro grandes promesas de infraestruturas do actual equipo de Goberno; xunto a auga de Suxo, a gardería municipal e a estrada de Touriñán. Todas elas postas en marcha na actual lexislatura.

A empresa encargada de realizar as tarefas xa comezou coa instalación das áreas de traballo, así como tamén están a realizar as limpezas de cunetas e beiravías de cara á preparación da actuación de mellora e acondicionamento na estrada.

Sinalización viaria e aglomerado

A obra contempla a implantación de sinalización viaria e de aglomerado na estrada, unha das máis empregadas do municipio e que peor estado presenta.

Tras visitar o comezo das obras, o alcalde Iago Toba, sinalou que “a pesar de todas as trabas e complicacións que puxo a oposición, este grupo de goberno cumpre coa súa palabra e fará realidade outra demanda histórica da nosa veciñanza. Ademais, este executivo intervén en demandas coma esta, que xa se fixeran con gobernos anteriores e que nunca tiveran resposta”.

O concelleiro de obras, Javier Romar, tamén destacou  que “a nosa liña de traballo é moi clara: facer as grandes inversións prometidas tal e como o estamos a demostrar pero sen deixar de investir en núcleos rurais e pequenos”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha