Comezan os traballos de limpeza do río Vao en Coristanco

1 minutes read

Estes traballos de mantemento se levarán a cabo no treito interurbano deste río ao seu paso polas parroquias de Ferreira (Santa María) e Coristanco (San Paio), no tramo de máis de 4,4 quilómetros de lonxitude que vai desde As Teixoeiras ata a área recreativa da Rocheira

As obras céntranse no desbroce de maleza das marxes, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia Norte e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos da administración hidráulica da Xunta permiten a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.