Comezaron os traballos de posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín, en Dodro


Este luns comezaron os traballos de conservación e posta en valor do petróglifo de Bouza Abadín, na CCMM “Cruz do Avelán” no Concello de Dodro, que contan con financiamento da área de Turismo e Patrimonio Histórico da Deputación da Coruña.

Os traballos, que se inician tras os labores de roza nos terreos nos que se asenta o petróglifo levados a cabo a semana pasada, teñen por obxecto a limpeza dos soportes gravados, a eliminación da vexetación intrusiva, a documentación rigorosa dos motivos, e a sinalización e elaboración de paneis explicativos.

Esta colaboración entre a área provincial de Turismo e o Concello de Dodro para levar a cabo esta intervención chega tras unha xuntanza a comezos do presente mandato entre o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e os concelleiros Cultura e Ensino de Dodro, Xoán Xosé Vicente Franco e Abel Tarrío, e na que se acordara dar pasos conxuntos para a mellora e promoción deste ben patrimonial de especial interese no Concello de Dodro.