A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria. Polo que informa que ten previsto acometer nesta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica AC-432, ao seu paso polo municipio de Vimianzo.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas. As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.