A Xunta comezou este luns os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica AC-432, ao seu paso polo municipio de Vimianzo. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de máis de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando no incremento de uso que experimentan nesta época estival. As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.