Comezan os traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas da Coruña e Ourense


Esta semana desenvolveranse estas novas intervencións na estrada VG-1.3, ao paso polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada; e na OU-510, en Ourense. Acométense estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria. Estas novas accións de conservación nas vías permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual. Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.