Comezaron as obras de mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto de Lorbé, en Oleiros

1 minutes read

A actuación permitirá mellorar o acceso ao porto de Lorbé desde a intersección da Vía Ártabra coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario. Trátase de mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé.

A intervención acadará unha mellora substancial do acceso en varios aspectos, comezando pola ampliación do radio da curva actual e a adecuación da pendente, mellorando o trazado e a visibilidade.

As obras inclúen a ampliación da plataforma e a ordenación dos aparcadoiros ao longo da estrada, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo na zona de actuación. Ademais, executarase unha senda peonil para facilitar aos peóns o acceso aos seus vehículos aparcados. Construirase tamén un muro de 1 metro de altura e 0,50 de ancho e de 42 metros de lonxitude.

A intervención incluirá as obras de drenaxe, coa colocación de 13 sumidoiros novos, e a limpeza de 69 metros de gabia. Para acometer os traballos non é precisa expropiación algunha, xa que as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.