- Remodelarase o espazo creando novas zonas de adestramento e un aseo adaptado
O Concello de Vimianzo iniciou o proxecto de reforma integral no ximnasio municipal. No novo deseño do espazo están previstas cinco zonas claramente definidas: unha zona de cardio, con vistas ao exterior por medio dunha gran zona acristalada; un corredor de arrastre, en herba artificial; zonas de musculación e peso morto e outra destinada a estiramentos. Dotarase de maior luz a todo o primeiro andar e adaptarase a instalación de fontanería e saneamento para dar servizo ao novo aseo adaptado.
Na zona do soportal, na planta baixa, realizarase unha peza de pedra en formigón armado e instalarase unha varanda en todo o perímetro. Limparanse e pintaranse todas as fachadas do edificio con pintura de acabado mate.
O concelleiro de Deportes, Mario Andújar, destacou que a idea é «poder contar cunha infraestrutura completamente renovada e adaptada á nova realidade» así como atender as numerosas demandas dos usuarios.