Comezaron as obras de substitución da pasarela e as ramplas de madeira do paseo da praia de Razo 

Cedida.

A empresa adxudicataria dispón de catro meses de prazo para rematar a actuación. A pasarela, que ten algo máis de 600 metros de lonxitude, foi construída entre os anos 2003 e 2005, e case vinte anos despois precisaba unha reforma integral. As obras consisten na demolición e levantado das estruturas actuais e a limpeza da zona, a reposición do borde de formigón, a instalación da nova pasarela de madeira de pino tratada, así coma das ramplas de accesibilidade. O proxecto tamén prevé o traslado das columnas de alumeado público, bandeirolas e megafonía que invaden a zona de paso e a ampliación dos cubre-contedores. 

Os trámites para acometer a substitución da pasarela comezaron xa no ano 2021, coa elaboración do proxecto no mes de setembro e a súa remisión aos organismos competentes ao mes seguinte. A tardanza das administracións estatal e autonómica en autorizar as obras foi a principal causa da demora. A autorización da Demarcación de Costas do Estado chegou ao Concello de Carballo en marzo deste ano e a da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, o 18 de maio. O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas rematou o 31 de maio, o 16 de xuño formulouse por parte da mesa de contratación a proposta de adxudicación, que se formalizou o 18 de xullo en Xunta de Goberno. 

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, achegáronse ata Razo coincidindo co inicio destes traballos.