A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de construción dun itinerario peonil e de mellora da drenaxe e de marxes na estrada autonómica OU-540, no núcleo da Manchica, no concello da Merca.
Esta actuación, que conta un investimento de máis de 48.000 euros, ten como obxectivo a mellora da accesibilidade e do tránsito peonil, ademais de optimizar as condicións de drenaxe no treito da vía comprendido entre os puntos quilométricos 14,7 a 14,8 e 14,9 a 15.
Os traballos comezados hoxe inclúen a execución dunha senda peonil de 120 metros nun tramo da marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 14,7 e 14,8. O itinerario disporá de pavimento de formigón e unha anchura de entre 2,30 e 4,60 metros, respectando en todo momento un ancho de beiravía de 1 metro.
A intervención prevé tamén a rehabilitación do pavimento da franxa de aparcadoiro situada entre os puntos quilométricos 14,9 e 15, na marxe dereita da estrada, que se atopa deteriorada.
Ademais, repararanse zonas puntuais da cuneta na marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 14,7 e 14,7.
Adicionalmente nestas zonas prevese a mellora das condicións de drenaxe, coa instalación de colector de pluviais na nova senda e os correspondentes elementos de recollida de augas, tanto na senda como no tramo de aparcadoiro rehabilitado.