A primeira vía verde da provincia da Coruña construirase sobre as antigas vías do ferrocarril e terá unha lonxitude total de 21,8 quilómetros, conectando os municipios de Santiago e Cerceda. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou a súa primeira visita institucional ao novo alcalde de Oroso, Luis Rey, e, acompañados doutros membros do goberno local e do deputado Antonio Leira, visitaron o inicio dos traballos na estación da Sionlla.
O tramo de Oroso permitirá acondicionar un total de 7.510 metros do antigo trazado ferroviario que discorre pola conca do río Lengüelle, desde o PK 10,1 ata o PK 17,3. Esta actuación permitirá crear un novo itinerario que poderán usalo ciclistas e camiñantes, habilitándolle unha plataforma adecuada para este fin, construíndo elementos de contención de noiros, varandas de protección e instalando a sinalización imprescindible para a identificación do percorrido así como a prohibitiva e a normativa, incidindo na destinada a regular o paso nas interseccións.