Comezaron en Vigo as obras do ascensor HALO


Este martes comezaron as obras do ascensor HALO, “unha obra de arte e de arquitectura”, en verbas do alcalde, que supón continuar co corredor mecánico que vai desde a zona do Areal ata Pizarro. “Este ascensor, cando finalicen as obras, vai dar a volta ao mundo. É un modelo de facer cidade, un modelo único. Non hai nada igual en ningún sitio”, afirmou.

Abel Caballero puxo a simbólica primeira pedra que da comezo á construción do HALO. O primeiro edil estivo acompañado por parte da equipa do goberno municipal: o concelleiro de Vías e Obras, Javier Pardo, a edil de Urbanismo, María José Caride e a responsable Seguridade, Elena Espinosa. Tampouco faltaron á cita a primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o Delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.

O HALO terá 50 metros de alto e 90 de diámetro. O alcalde destacou que a obra “reúne todos os elementos de positividade”: aforro enerxético, aforro de tempo, conexión da cidade… estamos a facer un novo Vigo”.

Caballero agradeceu ao Goberno de España que a través dos fondos europeos Next Generation EU financie parte da obra – 6 millóns de euros – do custe total, que ascende a máis de 12 millóns: “Isto é a cooperación” concluíu.