Comezaron os traballos de limpeza do Castro das Barreiras en Vimianzo

O Concello de Vimianzo, propietario dos terreos onde se ubica o xacemento, afrontará aolongo de toda esta semana os traballos de limpeza do impoñente recinto castrexo das Barreiras, en Ogas. As obras, consistentes na limpeza por medios manuais e mecánicos da vexetación que arestora medra no interior do castro e nos sistemas defensivos, como a muralla e o foxo, contarán cun proxecto paralelo de supervisión e control arqueolóxico dirixido polo arqueólogo Tito Concheiro.

Deste xeito, o castro vimiancés presentará unhas óptimas condicións de visita, o que permitirá gozar en toda a súa magnitude os interesantes restos arqueolóxicos descubertos nas últimas escavacións, compostos por restos de catro casas de planta circular e parte do paramento da muralla. Como novidade, resaltar que agora os visitantes poden contemplar os pisos e pavimentos interiores das vivendas, nos que destacan os fogares ou lareiras orixinais. Na última campaña de escavación tamén se recuperaron moitos obxectos de cerámica, pedra e metal, entre eles un espectacular coitelo «de caza» de ferro, unha peza de Época Romana practicamente única no seu tipo en Galicia.

Dende as últimas intervencións, o Castro das Barreiras conformouse como un dos recursos turísticos máis destacados de Vimianzo, pasando a ser un dos xacementos arqueolóxicos máis recoñecido e visitado da Terra de Soneira e Costa da Morte. Agora, con estes traballos, o Concello de Vimianzo dá continuidade aos traballos no castro e aposta polo Patrimonio Cultural como un importante reclamo de atracción turística e dinamización cultural.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha