Comezan os traballos de recuperación nas zonas afectadas polo lume no Barbanza


Os técnicos do servizo de Conservación Fluvial de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, están a desenvolver as inspeccións de campo nas áreas afectadas, en coordinación cos técnicos da Consellería do Medio Rural, a través do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, tras a determinación dos puntos máis afectados polos incendios co obxectivo de iniciar os traballos precisos coa maior celeridade posible. Trátase de actuar nestas contornas de especial sensibilidade pola proximidade dos leitos fluviais a zonas poboadas e por contar cunhas características singulares que poden favorecer os arrastres das cinzas. Para evitar estes posibles arrastres, a Xunta está deseñando unhas barreiras de contención aproveitando a propia madeira que se atopa nas ribeiras afectadas, e procederá á aplicación da técnica coñecida como “mulching”, mediante a disposición de palla sobre as áreas afectadas e con gran erosión do terreo.