Ata agora, As Eiroas dispoñía de catro torres de iluminación de 20 metros de altura con sete proxectores frontais para dar servizo ao campo de fútbol e catro posteriores para o campo de adestramento lindeiro. Este luns comezou o seu desmantelamento para instalar as novas estruturas: catro torres de 24 metros de altura que contarán con 40 proxectores (están deseñadas para soportar ata 50 proxectores e para resistir rachas de vento de ata 120 km/hora) e que darán servizo tamén ao campo de adestramento. A actuación inclúe, así mesmo, a canalización soterrada, a substitución dos condutores existentes e do cadro eléctrico que controla os proxectores, entre outros traballos. O orzamento acada os 242.551,24 euros.
Coas novas torres, a iluminación artificial do campo de fútbol será uniforme e evitará posibles problemas de deslumbramento de xogadores/as, equipo arbitral e espectadores/as. Ademais, en función do regulamento do Consello Superior de Deportes, As Eiroas contará co iluminación de clase I, a máis alta, que se corresponde coas competicións do máis alto nivel nacionais e internacionais.
Campo de fútbol do Carral
Dentro das obras destinadas a mellorar os equipamentos deportivos municipais figura tamén a construción de graderío e espazos anexos no campo de fútbol do Carral, en Sofán, cun orzamento de 297.568,21 euros. A actuación pretende dar resposta ás necesidades dos usuarios. Con esa finalidade, a grada actual será substituída por outra de maior capacidade e con espazos anexos debaixo: sala de reunións e para o labor administrativo do club, lavandería e ximnasio.