Comezou a segunda fase da dragaxe do porto de Laxe

1 minutes read

Trátase dunha segunda campaña que prevé rematar definitivamente esta actuación de recuperación do calado no interior da dársena coa eliminación da zona rochosa do fondo mariño e os problemas de operatividade producidos pola onda longa.

A segunda fase das obras vén de comezar co inicio da retirada dos fondeos na zona na que se realizarán os traballos nas vindeiras semanas. Esta retirada realízase mediante barco. As previsións de Portos de Galicia establecen que a continuación e ata final de mes se procederá á montaxe das pontonas desde as que se procederá á perforación da zona rochosa. Finalmente, a partir da primeira semana de maio poderán iniciarse as perforacións desde esas tres pontonas que traballarán na zona.

Esta actuación completa as obras de dragaxe do porto de Laxe dando resposta a unha demanda histórica da confraría de pescadores da localidade e o sector da zona. Os traballos realizados consisten na extracción de áridos e rocha do fondo mariño para a recuperación de calado no porto. A dragaxe realizarase principalmente á cota -5, excepto nunha franxa próxima ao peirao da lonxa que se realizará á cota -3.