Este 17 de marzo comezou a tempada de pesca 2019 en Galicia e terminará o 31 de xullo. Así o establece a orde que recolle as normas de pesca en augas continentais que publicou este mércores o Diário Oficial de Galicia.
Ás 11 e media da mañá deste domingo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, visitou o Coto de pesca de Baio.
Vázquez Mejuto recordou que o seu departamento está a traballar, da man dos colectivos dos pescadores, no documento da nova Lei de pesca, co fin de actualizar unha normativa que data de 1992, é dicir, que conta cunha vixencia de máis de dúas décadas e na que hai aspectos que é preciso adaptar aos novos tempos.
Adiantou que recentemente se pechou o trámite de consulta pública previa, período no que colectivos e cidadáns puideron trasladar as súas primeiras impresións e suxestións. Indicou que se seguirá a avanzar na redacción do texto, escoitando aos diferentes colectivos, federacións, asociacións, universidade… e no momento no que se dispoña do anteproxecto de lei, iniciarase o trámite de participación pública, para que todos os interesados presenten as alegacións que consideren, co fin de enriquecer este texto e acadar unha norma o máis consensuada posible.
Máis madrugadores foron as ducias de pescadores apiñados rio arriba en Bértoa, Carballo, cara ao nacemento do río Anllóns en terras da serra de Montemaior (A Laracha). Os pescadores mostrábanse optimistas nesta primeira xornada e déronnos fé das primeiras capturas.
Esta tempada en Galicia existen novidades como a creación de dúas novas zonas de adestramento no río Miño, na zona de Outariz na súa marxe dereita e na zona de Rexa, na súa marxe esquerda ao seu paso polo concello de Ourense; e na Ponte de Outeiro, augas arriba do límite superior do coto Terra Chá, ao seu paso polo concello de Lugo. Deste xeito, o número de zonas de adestramento elévase a tres.
Outra novidade é a inclusión do encoro de Cachamuíña no concello de Pereiro de Aguiar (Ourense), dentro das zonas habilitadas para a pesca de especies exóticas invasoras. Isto supón unha medida para o control e a erradicación de certo dipo destas especies, como a perca americana común, a carpa, o cangrexo vermello americano e o cangrexo señal.
PESCA DA TROITA
En xeral establécese a posibilidade de capturar seis exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros e os engadidos son os mesmos que os da tempada pasada.
DÍAS E HORAS HÁBILES PARA PESCAR
En canto ás xornadas hábiles, a normativa recolle con carácter xeral que se declaran os luns como inhábiles para a pesca, excepto festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves non festivos da tempada hábil só se poderá pescar na modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 18 de abril (Xoves Santo) e o 17 de maio (Día dás Letras Galegas), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.
En canto ás horas, a pesca só se poderá practicar no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas atoparanse establecidas na páxina web de Meteogalicia.
