Comezou a tempada de pesca nos ríos galegos

1 minutes read
Declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

A nova tempada de pesca comezou oficialmente este domingo na meirande parte dos ríos galegos para os preto de 37.000 afeccionados galegos que contan con licenza en vigor.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o couto de Rubín, na Estrada, un tramo de 7,2 km no río Curantes desde onde avanzou algunhas das principais novidades da campaña 2021.

Tras lembrar que o pasado 4 de febreiro entraba en vigor a Lei de pesca continental, a responsable autonómica explicou que un dos obxectivos da nova norma é procurar a remuda xeracional dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos. En concreto, referiuse á creación das escolas de río para garantir a remuda xeracional pola vía da formación e da sensibilización ou ao feito de que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña.

Na mesma liña, a conselleira subliñou tamén que, a raíz da entrada en vigor da nova lei, todos os menores de idade, así como os maiores de 65 anos, quedan exentos do pago das taxas correspondentes á obtención da licenza, unha medida que, segundo estimou, beneficiará a uns 11.000 pescadores galegos. Ademais, para axilizar a tramitación e en aras da simplificación administrativa, as licenzas destes dous colectivos (C e C1) manterán ampliada automaticamente a súa vixencia polo prazo dun ano.