A Brigada Municipal de Xardíns de Carballo empezou esta semana a campaña periódica de poda. Os primeiros traballos desenvólvense na Praza do Concello para facilitar a próxima instalación do alumeado de Nadal, pero, como é habitual, nas vindeiras semanas estenderanse a todas as zonas verdes municipais.
Un equipo formado por catro persoas está a traballar para poñer a punto as centos de árbores repartidas por todo o concello. Os obxectivos da campaña de poda son, por unha banda, o saneamento e a mellora da conservación das árbores, e, por outra, o incremento da seguridade. Con este obxectivo está a realizarse unha revisión de cada un dos exemplares para eliminar as ramas secas ou que poidan supoñer un perigo para os/as usuarios/as dos espazos públicos. Polo demais, a poda realizarase de xeito que as árbores manteñan a súa forma natural.