Comezaron as recargas das tarxetas expedidas o mes pasado polo Concello de Carballo para axudar na compra de alimentos ás familias que teñen o servizo de comedor escolar subvencionado ao 100% para os seus fillos e fillas. En total son case 400 nenos e nenas. As tarxetas non se renovan, senón que se recargan as que xa se repartiron. Son tarxetas pre-pago, asociadas a un DNI, polo que se carga automaticamente o importe correspondente a ese DNI.
Os importes de cada tarxeta son os máximos permitidos en cumprimento da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que a Xunta de Galicia establece as bases das axudas para familias de alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar. No caso dos nenos/as usuarios/as de escolas infantís públicas, o importe é de 3 euros por día lectivo e neno/a; mentres que para o alumnado dos CEIP establécense 2 euros por día lectivo e neno/a. Poden utilizarse nos dous supermercados Familia de Carballo.