Preto de 300 comensais déronse cita este sábado na comida mitin organizada polo PP de Carballo no restaurante Punta del Este. Unha ampla representación de alcaldes, concelleiros e simpatizantes acompañaron aos oradores antes da comida que tivo lugar pasadas as tres da tarde.
Tomou a palabra o candidato á alcaldía de Carballo, Aurelio Núñez Centeno quen desculpou a presenza de Marga Varela, presidenta local do PP por un pequeno problema de saúde e desexándolle unha pronta recuperación deu as grazas aos presentes indicando que non era fácil encher o salón un sábado ao mediodía en comezo da Semana Santa. Asegurou que o cambio do BNG no concello estaba máis preto, e aproveitando o lema nacionalista “o mellor está por vir”, dixo estar no certo, o mellor está por vir, que é un goberno do PP, para resolver os problemas de Carballo: o tráfico, a iluminación, o atraso nas concesións de licenzas, o elevado número de parados, o baixo gasto social ou o abandono das parroquias foron algúns dos problemas presentes.
Lembrou que nos Consellos Parroquiais a xente ten añoranza do PP, citando a tempos de Manuel Varela como alcalde, responsable de poñer as parroquias na órbita de Carballo. Citou a perdida por parte do grupo de goberno dunha subvención da Unión Europea de 5 millóns de euros e de ter o remanente de tesourería de 10 millóns aparcado nunha conta bancaria improductiva. Dixo estar a formar un equipo que mestura experiencia con savia nova, con ganas, ilusión e formación en todas as materias necesarias, cun programa de medidas concretas para problemas concretos que ten Carballo.
Pasou páxina, e a nivel nacional tamén está de acordo co lema do PSOE ” Fai que pase”… Fai que pase Pedro Sánchez para a oposición, de quen dixo levarnos á senda do paro, da elevadisima prima de risco, da caída da economía e a deterioración da calidade de vida das persoas, un Goberno ao que Aurelio Núñez definiu como meramente publicitario.
Miguel Lorenzo candidato ao Senado na súa curta intervención pediu o voto para Pablo Casado o 28 de Abril, definiu a cita como unhas eleccións moi importantes nas que nos xogamos moito todos, empresas, emprego, benestar, pensións e o futuro do modelo de España.
Acto seguido o Presidente Provincial do PP Diego Calvo Pouso explicou que “temos que decidir para as Xerais que modelo de país queremos, o declive de Torra, Otegui, Iglesias e Sánchez, ou pola contra o do PP que sempre estivo para solucionar os problemas herdados do PSOE”. Citou que unha vitoria de Pedro Sánchez sería o peor que lle podería ocorrer a España, polo que animou aos presentes para colaborar e traballar para as dúas citas electorais que veñen, casa por casa para que o voto do centro dereita non se divida e o PP gañe as eleccións cun valor seguro a favor de Pablo Casado. En clave local animou aos presentes para preguntarlle a Evencio se está orgulloso de ir ás eleccións europeas con ERC e Bildu, e de paso que aproveite para dicirnos a quen vai deixar no seu sitio cando se vaia de alcalde, dado que «todos sabemos que o quere deixar, que se presenta obrigado polo seu partido para tentar conseguir uns votos, pero ao día seguinte quere saír.» Que nolo aclare, dixo Diego Calvo.
Alberto Nuñez Feijóo nunha intervención de 20 minutos fixo un repaso polas distintas convocatorias de inestabilidade política xeradas polo PSOE, Ciudadanos e Podemos, ata que mais tarde tamén entrou Cataluña en escena co consecuente desgoberno e a aplicación do 155. Pediu o voto para conservar a unión de España, un país, xunto con Francia con 500 anos de historia. Dixo defender os 33 mil lugares de Galicia e criticou aos partidos que non ven máis aló que Madrid ou Barcelona, a Pablo Iglesias que confunde o rural galego co cespede da Complutense de Madrid, á xente de Ciudadanos que cre que o AVE máis importante é o que conecta Barcelona-Madrid e viceversa, por iso, di, non teñen ningún interese polo AVE galego, para a xente de VOX que están entretidos pensando que o que hai que facer é votar aos musulmáns de España, e a xente do PSOE que está disposta a gobernar a calquera prezo, pagando concesións a Otegui, Esquerra ou Podemos. Referiuse tamén aos nacionalistas galegos, dos que dixo que non teñen nin unha sóa idea orixinal, que copian todo dos seus colegas vascos e cataláns querendo referendum e independencia, votandolle en cara ao alcalde local que diso non fale nunca. Pediu responsabilidade e estabilidade para España igual que a que hai en Galicia de man do PP, un partido que definiu con raices na terra, non como outros que non as teñen e corren o risco de secarse. Criticou a nova Lei de Costas que quere poñer en marcha o Goberno de España e pechou o acto reinvindicando unha política útil que consiste en resolver problemas e non crealos.