A demominada operación Carplaya contra o narcotráfico que a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil desenvolveu nas provincias de Pontevedra e Lugo saldouse coa incautación de 220 quilogramos de cocaína. O operativo policial supuxo a detención de dez persoas, moitas delas vinculadas familiarmente e relacionadas co tráfico de drogas desde hai anos. Segundo os investigadores, formaban parte dunha activa organización criminal centrada en Galicia, especializada no transporte de cocaína entre distintos puntos de España e Portugal, utilizando para iso vehículos dotados de sofisticados sistemas para ocultar a droga.
Tras un ano de investigación, axentes da UCO detiveron o pasado mércores a dez integrantes desta organización, ás que se imputan os delitos de pertenza a organización criminal, contra a saúde pública e branqueo de capitais.
A maior parte da droga foi achada nunha das leiras rexistradas en Pontevedra, unha granxa agrícola e gandeira que ocultaba a cocaína nun zulo subterráneo que resultou difícil de detectar para a Garda Civil dado o seu sofisticado sistema de soterramento. Na parte económica, os investigadores lograron inmobilizar máis de 4 millóns de euros entre sociedades mercantís, bens inmobles, embarcacións e contas bancarias bloqueadas.