Comisados 362 quilos de ameixa procedente do marisqueo furtivo en Lourizán

1 minutes read

Axentes da Policía Autonómica de Pontevedra xunto con efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependentes da Consellería do Mar, comisaron 362 quilos de ameixa durante un operativo desenvolvido na zona de Lourizán, en Pontevedra. A actuación, na que tamén participaron os gardapescas e integrantes da confraría local, supuxo ademais a incautación de dous raños.

Os efectivos participantes no dispositivo localizaron ocultos no areal de Lourizán cinco sacos de ameixa, que foi resementada de novo na zona. Os axentes continuarán coas xestións para identificar aos responsables.

A Xunta lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supoñer un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide aos consumidores que non compren produto fóra das vías legais de comercialización.