Como afecta a nova desescalada á Costa da Morte?

2 minutes read
  • Na comarca de Bergantiños, os concellos de Carballo e A Laracha forman un peche perimetral conxunto

Este mércores anunciáronse as novas medidas da desescalada gradual decretada pola Xunta de Galicia de cara a aliviar as restricións en varios municipios, e tamén de cara ao Nadal. Unhas medidas que entrarán en vigor este venres e que deixan a varios concellos da Costa da Morte nunha situación aínda comprometida.

Responsables da Consellería de Sanidade mantiveron unha xuntanza telemática cos alcaldes dos sete concellos de Bergantiños perimetrados conxuntamente, e coas alcaldesas e rexedores de Vimianzo, Cee, Muxía e Dumbría, para dar a coñecer os últimos dato.

A Administración autonómica estableceu uns novos criterios en función da poboación dos concellos, diferenciando entre os de máis de 10.000 e os de menos de 10.000 habitantes, e tamén segundo a evolución da incidencia do coronavirus a 7 e a 14 días. Así quedan, polo tanto, as medidas na Costa da Morte:

Os concellos de Carballo e A Laracha quedan dentro dun peche perimetral único. Nestes dous municipios permitirase o consumo en terrazas de hostalaría, cunha ocupación máxima do 50% e só ata as 17:00 horas. Os grupos de mesas poderán estar formados por un máximo de 4 persoas non conviventes.

Os concellos de Coristanco, Cabana, Malpica e Ponteceso quedan incluídos conxuntamente noutro peche perimetral, ao igual que os de Cee, Dumbría e Muxía. Pola súa banda, Vimianzo permanece pechado en solitario. Nestas zonas permitirase o consumo en terrazas de hostalaría ata o 50%, pero tamén poderá utilizarse o interior dos locais cunha ocupación máxima do 30%. Non varía o horario de funcionamento da hostalaría, ata as 17:00 horas, nin o número máximo de personas non conviventes por mesa, que será de 4.

Outro concello que queda pechado en solitario é o de Laxe pero, neste caso, ao contar cunha mellor situación sanitaria, a ocupación dos locais de hostalaría poderá ser de ata o 40% no interior e de 50% no exterior. Ademais, o horario de peche amplíase ata as 23:00 horas e poderán xuntarse ata 6 persoas non conviventes.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dixo non entender “que tendo menos incidencia acumulada que noutros concellos, esteamos nunha fase menos permisiva”. Dende a Consellería de Sanidade apuntaron que ao tratarse de concellos de máis de 10.000 habitantes, as condicións para Carballo e A Laracha son diferentes, pero poderán cambiar de nivel en función da evolución da situación.