- O festival, que contará con 25 compañías, celebrarase entre o 12 e o 20 de outubro en Santiago de Compostela
O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, celebrará a súa 24º edición entre o 12 e o 20 de outubro cunha ampla programación que ofrecerán un total de 25 compañías, tanto estatais como internacionais.
Neste ano, Galicreques inclúe máis de 50 funcións que se repartirán nos escenarios do Teatro Principal, a Fundación SGAE, os centros socioculturais de Santa Marta, a Trisca, o Ensanche, Vite, Conxo e o Castiñeiriño, como tamén locais comerciais como a Matrisoka Tenda ou O Besbello Bar Cultural. Ademais, un ano máis, a presenza de Galicreques farase notar en prazas como o Toural ou na xa tradicional carpa que o festival instala na Alameda. Así o adiantaron hoxe en rolda de prensa a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e o director de Galicreques, Jorge Rey.
Na presentación lembrouse que a programación volverá contar cunha marcada presenza internacional, ao incluír profesionais e compañías procedentes de Francia, Perú, Bosnia, Arxentina ou Portugal, ademais de formacións procedentes de Castela-A Mancha, Valencia e Madrid. Ademais, este ano Galicreques ofreceralle ao público compostelán un total de sete estreas.
Trece funcións escolares
Un ano máis, a creación de públicos será un obxectivo primordial de Galicreques, que inclúe un total de trece funcións escolares entre o luns 14 e o venres 19. Máis de 1.000 rapaces e rapazas de centros de ensino acudirán a programación escolar, que se desenvolverán na Fundación SGAE, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta.
Ademais, Galicreques converterá diferentes espazos da cidade en escenarios para as actuacións de rúa, procurando xerar así un vínculo de proximidade co público compostelán.