Comparecencia do ministro Puente rodeado do director de Tráfico de Adif e do de Operacións de Renfe

O ministro de Transportes, Óscar Puente, asegurou este mércores que a orixe do accidente ferroviario en Adamuz é un problema “moi complexo” pero que non ten que ver nin co mantemento ou a obsolescencia da infraestrutura ferroviaria nin tampouco coa falta de controis.

“Se hai algo evidente é que non foi o mantemento nin a obsolescencia nin a falta de controis o que desembocou no accidente, estamos ante outro problema, témome, moito máis complexo do que nos estamos imaxinando”, dixo Puente nunha comparecencia de prensa para explicar todos os detalles sobre o ocorrido no accidente, que se levou a vida de polo menos 43 persoas. O ministro pediu ao comezo da súa comparecencia evitar as “especulacións”.

Puente recalcou que o que ocorreu é “algo verdadeiramente distinto a todas as incidencias que se produciron ata a data”. “É verdadeiramente singular”, insistiu repreguntado pola cuestión durante a rolda de prensa na que negou que esa afirmación apunte á liberalización do sector que se produciu durante a pasada lexislatura.

O ministro insisitu en que, salvo o factor humano, non pode descartarse ningunha causa. Na súa comparecencia insistiu en que os investigadores non determinaron polo momento se o lugar en que saltaron os raís coincide co punto de descarrilamento.

O dirixente de Adif, Ángel García de la Bandera, explicou que o tramo no que ocorreu o accidente terminouse de renovar hai poucos meses e que nos últimos meses revisouse a súa infraestrutura en ata catro ocasiones, a última o 7 de xaneiro, apenas uns días antes do suceso.

Related posts

A homenaxe de Estado polas vítimas do accidente ferroviario de Adamuz será en Huelva o sábado 31

Un maquinista morto e 41 pasaxeiros feridos tras a caída dun muro sobre un tren en Cataluña

Adif limita temporalmente a velocidade a 160 km/h nun tramo do percorrido entre Madrid e Barcelona