Completa programación lúdica e cultural no Nadal Pequespectacular de Carballo

Este ano a proposta da Concellaría de Cultura trae maxia, teatro e música. O Nadal máis cativo empezará esta fin de semana coa chegada de Papá Noel, que o sábado 17 pola mañá percorrerá as rúas máis comerciais convidado pola Concellaría de Promoción Económica. A visita continuará os días 21 e 23 polas tardes, con percorridos por distintos barrios repartindo alegría e ilusión.

A animación de rúa é un dos sinais de identidade da campaña de promoción do comercio local Este Nadal, mira por Carballo. E, así, para o día 22 tamén está programado un pasarrúas con Dixie Kings, unha banda de jazz que porá música nas rúas en dous pases de mañá e tarde. E, coa mesma filosofía, o 3 de xaneiro recibiremos a Fantoches baj con O folión do zampón, un espectáculo teatral ao máis puro estilo dos tradicionais xigantes e cabezudos.

O 23 será un dos días grandes deste Nadal, porque o Servizo de Normalización Lingüística e a Biblioteca Rego da Balsa achegan á programación unha gran cita familiar: a Festa de Apego, con actividades para nenos e nenas de cero a seis anos de idade. Contará co Picadiscos de MariFaltri, a Apalpadora de Iseo a Moura, un obradoiro de pegadas de animais con Senda Nova, outro de baile coa Escola do Alprende e ioga para familias con Ana Prema. Permanecede atentos/as, porque será preciso inscribirse.

Despois da fin de semana de Noiteboa e Nadal, as concellarías de Igualdade, Promoción Económica e Feiras e Mercados xuntan forzas tamén para dinamizar o mercado municipal con actividades infantís que contribúan á conciliación familiar e que supoñan, ademais, unha oportunidade para traballar en igualdade e promoción do xoguete non sexista dende unha perspectiva lúdica. Dada a excelente acollida que tiveron os obradoiros programados, ampliamos prazas! Nos próximos días abrirase unha nova quenda de inscrición para intentar dar cabida a todos os nenos e nenas que queiran participar. Do 26 ao 30 polas mañás haberá talleres de cociña, empaquetaxe creativa, customización de camisetas e elaboración de xoguetes con materiais de refugallo.

E despois de Fin de Ano e Ano Novo, de novo converterase o mercado municipal nunha gran zona de xogos. Do 2 ao 5 de xaneiro, a planta alta acollerá obradoiros de manualidades vinculadas ao Nadal, xogos reciclados, e zonas de probas de habilidade, entre outros divertimentos para nenos e nenas que estarán dispoñibles en horario de mañá e tarde. A entrada será libre e de balde.

E o día 5 pola tarde chegará a outra gran cita das vacacións: a cabalgata de Reis!. Con saída ás 17.30 horas e o percorrido polas zonas habituais, e cunha gran festa infantil na carpa da Praza do Concello a partir das 18.30 horas e ata a chegada de Melchor, Gaspar e Balsatar.

Unha programación á medida dos peques da casa que se complementará co tradicional baile de Nadal para maiores organizado pola Concellaría de Terceira Idade, o programa de concertos do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, a exposición de beléns do mundo, as cabalgatas nas parroquias e todas as actividades organizadas polas entidades culturais e sociais do concello.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha