Completada a primeira fase da coruñesa Solaina de San Roque


O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Medio Ambiente, completou a primeira fase do proxecto da Solaina de San Roque, que prevé dotar esta zona de coiraza situada no Paseo Marítimo de diferentes elementos para o uso e gozo da cidadanía. O Goberno de Inés Rey avanza deste xeito no seu programa de recuperación de zonas emblemáticas da cidade, abrindo novos espazos e dotando os existentes de mellores condicións para o seu uso por parte de todas as coruñesas e os coruñeses. Esta primeira fase da Solaina de San Roque consistiu na instalación de dez hamacas de formigón colocadas de dúas en dúas cunha mesa no medio. Estas estruturas están construídas co mesmo material utilizado na contorna e foron deseñadas e realizadas a medida coa finalidade de que a veciñanza e as persoas usuarias da cala contigua que utilizan este espazo poidan gozar dunha infraestrutura máis axeitada para tomar o sol.