Completada a primeira fase de restauración para preservar a duna do Parque de Corrubedo


Acaba de completarse a restauración ecolóxica das primeiras 39 hectáreas da contorna da duna costeira de Corrubedo incluídas no proxecto que se impulsou a comezos de 2022 para o control e erradicación de especies arbóreas colonizadoras neste espazo natural. Os traballos sobre o terreo comezaron o pasado mes de abril e avanzan a bo ritmo, co 21,1% do ámbito obxecto de intervención —un total de 185 hectáreas— xa recuperado.

Nestas zonas fixéronse labores intensivos para eliminar pés de especies colonizadoras mediante corta, derramado, tronzado e retirada da madeira e doutros restos, e tamén se procedeu ao arrincado e roza manual de exemplares novos co fin de evitar danos na flora, impedir a incorporación de materia orgánica e reducir o risco de incendio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, achegouse este venres ao Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para coñecer in situ o resultado dos labores acometidos ata agora para frear o avance do bosque de piñeiro e protexer a integridade da duna, actuacións que se realizan por primeira vez en Galicia.