Completada a primeira parte do obradoiro de emprego ‘Carballo Coida’

Concello de Carballo

  • O alcalde e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego mantiveron un encontro co alumnado no Fórum Carballo

Case dous meses despois do inicio da actividade, as 18 alumnas e os 2 alumnos que participan no obradoiro dual de emprego ‘Carballo Coida’ fan un parón nos seus estudos con motivo das vacacións do Nadal, rematando así a primeira fase de formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, achegáronse este martes ata o Fórum Carballo para intercambiar impresións co alumnado e profesorado. As valoracións foron moi positivas por todas as partes.

Tanto Iván Andrade coma Evencio Ferrero animaron ás persoas que participan no obradoiro a aproveitar a formación para acadar a inserción laboral, dada a gran demanda de persoal que existe nestes momentos coa titulación que obterán os alumnos e alumnas ao remate do seu período formativo. Nese sentido, o concelleiro de Innovación expresou o interese do Concello de Carballo por consolidar a formación en atención sociosanitaria de cara a anos vindeiros.

O obradoiro dual de emprego ‘Carballo Coida’ é un proxecto de formación e inserción laboral, impulsado dende a concellaría de Innovación, Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, que permitirá paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores deste sector: a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral. O proxecto está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdad cunha achega de 346.946 euros para o financiamento da acción formativa, que se complementará con outra partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral.

Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello de Carballo ten como entidades colaboradoras a Afaber, Aspaber, Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Íntegro e o Centro de Día da Praza de Vigo.