Completada a reforma das novas instalacións do centro BTT de Cabana

Cedida.

O Concello de Cabana acaba de rematar as obras nas novas instalacións do centro BTT e de recepción de roteiros turísticos, un proxecto financiado a través dunha subvención de Turismo de Galicia de 30.000 euros. Trátase dunha infraestrutura que permitirá impulsar o turismo sostible no Esteiro do Anllóns, no municipio e no resto da comarca.

O alcalde, José Muíño, explicou que se trata dunha “grande intervención” que permitirá “que todas as persoas que se acheguen a Cabana para gozar do espectáculo do Esteiro do Anllóns ou doutros emprazamentos paisaxísticos conten cun punto onde recibir información, asesoramento e acubillo na súa viaxe”.

Esta actuación inclúe a rehabilitación total dun edificio situado na contorna da praia do Pendón e o albergue. Este inmoble, antigos vestiarios do campo de fútbol, presentaba un mal estado de conservación que quedou corrixido co seu acondicionamento interior e exterior. A infraestrutura conta agora con oficina, almacén de material, aseos, duchas e vestiarios a disposición das persoas usuarias.

A segunda parte do proxecto consistiu na sinalización de catro rutas BTT polas que se dispoñerán carteis e diferentes elementos cos que indicar e diferenciar os percorridos. O centro de recepción é o punto inicial dos itinerarios e funciona como espazo onde poder gardar obxectos persoais e mesmo as bicicletas. 

Neste sentido, José Muíño destacou que o obxectivo “pasa por seguir a poñer en valor e incrementar o atractivo turístico de Cabana e de toda a comarca promovendo un turismo respectuoso co medio ambiente e sostible”. “O BTT non consiste só en pedalear, senón en desfrutar da ruta e dos espazos polos que circula”, afirmou o rexedor.

“Espazos como o Dolmen de Dombate, o Castro de Borneiro, o Camiño dos Faros e o propio Esteiro do Anllóns merecen unhas infraestruturas á súa altura”, engadiu Muíño. Entre as prioridades do goberno local cabanés, insistiu, está aproveitar ao máximo o auxe do gusto “pola terra e polo rural”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha