- A Deputación da Coruña financiou estas melloras cun investimento de 493.000 euros
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este xoves a localidade de Vimianzo para comprobar o remate das obras de mellora en Tufións. O ente provincial destinou 493.846 euros á ampliación da plataforma da estrada DP-1603 para a construción de novas sendas peonís en ambas marxes e a renovación do firme mediante aglomerado. Ademais, tamén se dotou á zona dunha nova iluminación e canalización de pluviais. Obras que eran «unha antiga demanda tanto da veciñanza de Tufións como do goberno municipal de Mónica Rodríguez», sinalou Formoso. A rexedora e diferentes membros da corporación tamén acompañaron ao presidente no seu percorrido.
«Detrás desta aposta da Deputación, que ten que manter máis de 2.100 quilómetros de estradas en toda a provincia, hai unha clara vocación por mellorar as posibilidades do ámbito rural e de igualar as condicións co ámbito urbano», afirmou Formoso, considerando este tipo de actuacións «unha obriga». Pola súa parte, a alcaldesa agradeceu o compromiso da Deputación así como a «cesión voluntaria e a boa vontade dos veciños e veciñas da zona» para poder crear unha senda más segura.
Valentín González Formoso anunciou ademais que a Deputación acometerá un novo investimento de 178.063 euros para renovar a capa de rodaxe entre os puntos quilométricos 1+315 e 2+865 (desde Porto de Cereixo a Tufións), completando así as melloras desta estrada provincial. As obras, explicou o presidente, están xa en fase de licitación pública.
A visita continuou polo centro de usos múltiples de Vimianzo, que experimentou unha importante reforma cun investimento de 153.147,92 euros do Plan Único. As obras permitiron mellorar os soportais de madeira da entrada e a carpintería exterior, o pintado das fachadas, a mellora da accesibilidade do inmoble e a eficiencia enerxética do mesmo así como o acondicionamento dun vello almacén que agora serve como aula para que os máis pequenos poidan asistir a actividades extraescolares de pintura.
O presidente da Deputación destacou esta obra como «un claro exemplo da utilidade do Plan Único» para mellorar as infraestruturas e servizos municipais, sobre todo na Costa da Morte, con «investimentos por 80 millóns de euros e 502 obras coma esta».