Completadas as obras de saneamento na parroquia de Artes, en Carballo

Imaxe do alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane na pista de Choias_Cedida

  • A ampliación da rede de saneamento era a gran demanda da veciñanza de Artes, xunto coa pavimentación da pista de Choias

A piques de rematar este ano 2020, a parroquia carballesa de Artes recibirá o vindeiro ano con outra imaxe e varias melloras. Nesta parroquia establecéranse, por demanda do Consello Parroquial, tres actuacións prioritarias que xa son unha realidade: a ampliación da rede de saneamento, que só está pendente da reposición das vías afectadas; a pavimentación con cemento da pista de acceso ao edificio do centro social e a escola e o aglomerado da vía do Xamozo a Santa María de Ardaña.

A empresa Vázquez y Reino completou xa a despregadura de máis de 2.500 metros de rede que permitirán estender o servizo de saneamento a 25 vivendas dos lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar. A actuación, que supón un investimento de 199.884,67 euros, está pendente agora da reposición das vías afectadas.

A ampliación da rede de saneamento era a gran demanda da veciñanza de Artes xunto coa pavimentación da pista de Choias, que dá acceso ao edificio no que se sitúan o renovado centro social e a escola unitaria. Esta actuación tamén é unha realidade, como puideron comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Servizos, Luis Lamas, e Mobilidade, Juan Seoane. As obras formaron parte dun proxecto de pavimentación con cemento de tres espazos singulares: a pista de Choias, o campo da festa de Oza e a contorna da igrexa parroquial de Rus, cun investimento total de 281.022,50 euros.

Na parroquia de Artes tamén se acometeu nas últimas semanas o aglomerado da vía de Xamozo a Santa María, utilizada polo transporte escolar e que ademais une as parroquias de Artes e Ardaña. A actuación, que tamén inclúe a sinalización horizontal e vertical, acada os 204.006 euros de investimento.