Completados os proxectos de mellora da eficiencia enerxética en A Laracha

Imagen de archivo de luces LED_PIXABAY

  • O investimento total, co apoio do IDAE, alcanza os 1,2 millóns de euros

O Concello da Laracha rematou a execución dos cinco proxectos de mellora da eficiencia enerxética que promoveu co apoio económico do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Esta convocatoria de subvencións forma parte do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Os cinco proxectos están valorados nun total de 1,2 millóns de euros, dos cales o 20% foi financiando con fondos municipais.

As actuacións consistiron na substitución de luminarias por outras LED de última xeración para cumprir con dous obxectivos: reforzar a aposta municipal pola redución das emisións e adelgazar o gasto enerxético sen minorar a calidade do servizo.

As actuacións afectaron ao alumeado público dos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión (1.397 luminarias), núcleos rurais (2.493), entorno do parque empresarial (283), á renovación da iluminación interior en edificios (Casa do Concello, biblioteca municipal e servizos múltiples) e ás instalacións deportivas de titularidade municipal (complexo deportivo municipal e pavillóns do IES Agra de Leborís, Paiosaco e Caión).

Nos tres proxectos que afectan aos espazos exteriores e aos edificios municipais a redución do gasto eléctrico anual estímase nun 75%, mentres que nas instalacións deportivas o aforro será dun 50%. Con estes datos estímase que o investimento municipal estaría amortizado nuns cinco anos.

O Concello continuará actuando na mellora do alumeado público, incorporando novos puntos de luz e ampliando o servizo especialmente naquelas zonas rurais nas que se están a construír novas vivendas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha