Completados os trámites de expropiación para unha senda peonil na DP-4001 en Fornelos, Zas


A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia o anuncio de citación para efectuar o pago dos depósitos previos aos propietarios e propietarias dos 22 predios afectados polo proxecto de construción dunha senda peonil na estrada DP-4001 no núcleo de Fornelos, no concello de Zas, o que permitirá habilitar espazos seguros para as persoas que circulen por esta zona residencial. As actuacións tamén permitirán dotar á zona de canalización para o saneamento de augas residuais e a iluminación pública.

Os propietarios dos terreos están citados o martes, 30 de novembro, entre as 16.15 h e as 16.45 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello de Zas.

As obras suporán un investimento de 183.731 euros, ao que se suman os 37.312 euros que se destinan á expropiación de terreos e permitirán mellorar a seguridade viaria no tramo que comunica o lugar de Fornelos coa estrada autonómica AC-430.

Na actualidade esta zona carece de beirarrúas en varios tramos, o que supón un risco para as persoas que circulan pola contorna, na que se instalan numerosas vivendas unifamiliares e que polo tanto conta cun amplo tráfico rodado e peonil.