Varios membros da formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, transladaranse na fin de semana ata a capital do estado, para asistir ao congreso anual do partido por un mundo máis xusto. A delegación carballesa estará encabezada polo secretario xeral da agrupación e voceiro autonómico de M+J Galicia Xesús Deus Gende, que é así mesmo o candidato á alcaldía de Carballo.
Nestes días terá lugar o encontro entre as diferentes coordinadoras e militantes chegados de todo o territorio nacional. Abordaranse numerosos temas, entre os que sen dúbida estará o éxito na recollida de firmas para a regularización de persoas migrantes que cumprisen cos requisitos esixidos que dita a lei. Aínda que eran necesarias 500.000, conseguíronse máis de 600.000, que foron entregadas no organismo competente.
«Trataranse tamén sen dúbida innumerables temas que sempre achegan coñecementos de distinta índole. Imos escoitar, porque como ben di o dito popular, nunca te deitarás sen aprender algo novo. E como non, tamén interviremos para achegar o noso grao de area. Esperemos estar á altura e deixar nun lugar destacado a Carballo e a Galicia», sinalaba Xesús Deus Gende.