Compostela beneficiará as políticas sociais cun orzamento de 177 millóns de euros


  • Desde o goberno local anunciaron que non pospoñerán a aprobación dos orzamentos máis alá de febreiro

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o Goberno municipal xa ten elaborados os orzamentos, que ascenderán a 117 millóns de euros e que estes conterán “un incremento notable en investimentos e políticas sociais”. Agora, dixo, iniciouse a rolda de contactos cos grupos municipais para “explorar acordos para a súa tramitación”.

Segundo avanzou o rexedor municipal, este mesmo venres se están a manter “contactos preliminares” e que “o resto do mes dedicarémolo ás negociacións e constataremos se hai posibilidades de avanzar”. En caso contrario, explicou, “tomaremos a decisión máis conveniente para a cidade e para sacar adiante os orzamentos”.

“Nós estamos en condicións de levar os orzamentos ao pleno ordinario deste mes de xaneiro ou a un extraordinario a principios de febreiro, pero non de garantir a súa aprobación”, indicou o alcalde, en referencia a que a data dependerá das negociacións cos diferentes grupos municipais.

En calquera caso, dixo, “non imos pospoñer a aprobación máis alá de febreiro”. Lembrou que existen dúas vías para a aprobación: a abstención ou voto favorable de PP ou CA, ou vinculala a unha moción de confianza no caso de non obter estes votos favorables ou abstencións. Con todo, insistiu en que “esgotaremos as posibilidades de acordo”.