Segundo a información ofrecida polo Concello, os estabelecementos hoteleiros de Santiago de Compostela sumaron 99.224 estadías de turistas internacionais no pasado mes de outubro, cun crecemento do 8,1% respecto do mes de setembro do ano pasado, segundo os datos do INE. É o primeiro mes da serie histórica no que o turismo internacional chega tan preto da barreira das 100.000 estadías. Duplica por exemplo o número de estadías internacionais de outubro do Ano Santo 2010, cando foran 47.466.
Este dato, sumado ás 105.678 estadía do pasado mes de setembro, confirma a consolidación de Compostela como un destino internacional cun atractivo turístico que vai moito máis alá que a celebración dun Ano Santo. Tamén vai na liña do cambio do modelo turístico na cidade, apostando pola desestacionalización da demanda a través dun turismo de maior valor engadido.
O turismo internacional alcanzou o 58% do total das estadías que se rexistraron na cidade no pasado mes, superando amplamente ao turismo doméstico, que supuxo o 42%, con 73.281 estadías.